
🎬 Proxección da película Buzz Lightyear (Pixar): Unha película que celebra a curiosidade, a imaxinación, o traballo en equipo e a exploración do espazo, valores clave para a aprendizaxe científica.
🧪 Experimentos científicos en vivo A cargo de Patricia Barciela e José Viñas, dous referentes en divulgación científica e educación STEAM, que realizarán experimentos sorprendentes e participativos adaptados a Primaria.
Ao longo da actividade conectaremos a experiencia emocional da película con fenómenos reais da ciencia, fomentando: O pensamento crítico, a creatividade e a fascinación polo universo e a ciencia.

Unha máquina de Rube Goldberg, esa que desencadea asombrosos e divertidos efectoes cachoeira, será montada sobre o escenario aos poucos durante o espectáculo. Esta é a trama. Veremos chegar aos enxeñeiros cos tubos que conteñen os planos da máquina. Cando os vexades voar ou moverse compasados, pensade que o segredo está na física.
Soben ao escenario, ‘por orde de repartición’, o electromagnetismo, siteswaps e prechacs, harmónicos, tensións, eixos de xiro e ondas, aceleración, traxectorias, tiro parabólico e o principio de acción reacción. Cabe algo máis nun só espectáculo inspirado na física?
Movementos hipnóticos dos malabares con tubos imantados, pelotas, diábolos e mazas de luz programadas ao milisegundo forman un espectáculo baseado nas leis da física levado a cabo por dous enxeñeiros malabaristas con case vinte anos de traxectoria escénica. Física e circo fúndense co humor para poñer en escena RUBE.

Ao longo da súa historia, a humanidade mantivo unha continua curiosidade en pescudar se o noso mundo é determinista ou o simple resultado do azar. No transcurso desta procura xurdiu a teoría do caos para explicar fenómenos incriblemente complexos, pero modelizables.
Nesta conferencia-recital, a pianista e matemática Laura Farré Rozada detalla as múltiples facetas musicais da teoría do caos, desde os seus fundamentos máis básicos ata o seu potencial creativo, e interpreta algunhas obras creadas ou susceptibles de análises a partir desta teoría.

Elemental (Piano-bar periódico) é unha obra de pequeno formato interpretada polo divulgador científico Manuel Vicente, o actor César Goldi e o pianista Juanjo Fernández. Neste pequeno cabaré portátil mestúrase a música do piano con stand-up comedy, teatro e cancións para contar as historias agochadas detrás dos actuais 118 elementos da Táboa Periódica.
Elemental achéganos a historias con humor, un chisco de drama e que desvelarán a contribución galega a gran Pedra Rosseta da química.